Presentación da nova forma de ver Cine.

Screenly, a plataforma para ver cine en salas baixo demanda a través do ‘crowdticketing’, comeza a súa implantación en cines de Galicia, empezando polos Multicines Norte en Vigo e a sala NUMAX en Santiago.
Querémolo celebrar de maneira oficial o vindeiro 5 de decembro co primeiro evento baixo demanda en Compostela: a estrea da película documental NO ESTAMOS SOLOS, de Pere Joan Ventura, producida por Pere Portabella e El Gran Wyoming, que se presentou no último Festival de San Sebastián e que chega por primeira vez a Galicia.
NO ESTAMOS SOLOS é un documental sobre a indignación e a dignidade, sobre os movementos sociais, as mareas da dignidade e sobre todo o escenario de rebelión cidadá que se xerou no Estado español entre maio de 2011 e o tempo no que estamos, finais de 2015, que culmina coas eleccións do vindeiro 20 de decembro.
Aproveitaremos a estrea baixo de manda en Galicia de NO ESTAMOS SOLOS para presentar en sociedade a nosa plataforma que permite a calquera espectador organizar unha proxección elixindo a película, o día e a data, e xuntando o mínimo de espectadores que faga a proxección viable.
A presentación será o sábado 5 de decembro ás 12h. Inauguramos así ademais un novo concepto a experimentar en NUMAX, as sesións vermú de cine. Nesta ocasión, polo prezo da entrada convidámosvos a un vermú por cortesía de Bodegas Lodeiros e un aperitivo ofrecido por Catrineta Conserveira de Compostela.
As entradas con todo incluído custan 7,5 euros e mercándoas comprobaredes por vós mesmos o funcionamento práctico de Screenly. A campaña de crowdticketing xa está en marcha: precisamos un mínimo de 53 reservas feitas antes do sábado 28 para poder confirmar o evento. Neste momento xa se apuntaron 17 persoas, só faltan 36 reservas de entradas para chegar ao noso obxectivo. É un reto colectivo traer esta película a Compostela, e demostrar que o público ten o poder ver os filmes que queira, a pouco que se xunte e se organice. Nós só poñemos as ferramentas que o facilitan.
Para reservar a túa entrada tes que entrar neste enlace e facer un prepagamento, que só se cargará na túa tarxeta cando o evento se confirme. Cousa que agardamos que aconteza grazas á túa colaboración.
Así funciona Screenly. O 5 de decembro queremos presentarcho en persoa, que veñas a gozar da peli e do debate, e que tomes un vermú e un petisco connosco mentres planeamos xuntos futuros eventos e proxeccións baixo demanda na nosa cidade. Todas as que o público queira.
Agardámoste!