Exposición Mimadrinha.

Este venres, 21 de Marzo, teremos o pracer de contar coa presencia de Mimadrinha que ademáis de expoñer algunha das súas obras, tamén pasará un anaco con nós para contarnos que é e que fai.

 

Palmira Castro Marcote é unha creadora compulsiva, froito da súa natureza como muller da costa da morte e traballadora incansábel. Cunha orixinal mirada do mundo.

Podedes consultar máis cousas sobre ela e coñecela mellor a través do seu blog, unha fiestra aberta sobre o mar salvaxe e sobre como a creatividade na acción educativa é elemento motivador para a transformación das persoas, ideas e sociedades.

mimadrinha.com

 

Deixámosvos aquí o seu Manifesto:

“Se o que ollas a través da túa ventá é gris, ponlle cores. Se o que tes entre mans non funciona, tenta arranxalo. Non perdas o tempo quixándote ou falando. Síntete libre para facer o que che pase pola cabeza. Sé independente das opinións e consellos que che dean, sexan bos ou malos. Alimenta a túa curiosidade: coñece, aprende, curiosea, pregunta, socializa. Practica facendo cousas que nunca pensaches facer, ao mellor convértese na túa ilusión. Crea o teu propio pensamento. Se tes que alonxarte durante un tempo, faino. Non repitas nin difundas os pensamentos de outros sen ter pensamento crítico. Se coñeces xente moi crack e te fascinou o seu traballo, difunde a súa obra. Contáxiate da ilusión e da capacidade de estimular e crear. Non te limites pensando que un día esa ilusión se vai acabar, e se se acaba, o camiño realizado non será un fracaso, será unha nova experiencia. Fracaso sería non aprender nada. O importante é o camiño. Non te preocupes polo desgaste, nada permanece novo. Esquece a perfección. Resiste ás tendencias impostas, crea ti tendencia. Se tes unha idea ponte con ela, pouco a pouco, disfruta de ollar como vas evolucionando. O mundo está cheo de xente creativa, non te asustes, son coma ti, un día comezaron. Comparte as túas ideas. Comparte o teu entusiasmo. Comparte as túas habilidades. A práctica diaria favorece a creatividade. A creatividade favorece a ilusión. A ilusión favorece o sorriso. O sorriso favorécete.”